Descripción
Coma un borrón de tinta chinesa sobre un caderno en branco. Así cae a sombra de Mamá Corvo sobre as árbores. Arroupado coa súa manta de neve, o bosque dorme. Mamá Corvo gralla dende unha póla. –Cinco minutos máis –bocexa o vento… O bosque é o nevado escenario onde se atopan Mamá Corvo e Avó Oso, que interrompeu o seu letargo invernal, incapaz de lembrar onde agochou un segredo. Non está entre as árbores, nin no tobo, nin na lagoa… e a inseguridade da dúbida faino sentirse vulnerable. O misterio envolve esta fermosa obra narrativa na que a natureza é un personaxe máis; unha natureza humanizada pola poética do texto de Pedro Mañas, con metáforas que acentúan o ton descritivo da historia.