Descripción
Este libro consta de oito contos. A súa característica é que todos se desenvolven a partir dos anuncios por palabras dos xornais. » Unha chave non é suficiente » é o que abre o libro. Nel cóntase a aventura dun home que ve o ceo aberto cando atopa un anuncio indicando que » se duplica calquera chave, con ou sen mostra » . » O caso do unicornio azul » conta a historia dunha unicornia que acode a unha axencia matrimonial, para atopar parella axeitada. » Vanesa e o anuncio da televisión » conta a historia dunha nai empeñada en que a súa filla sexa unha artista da televisión. » Un artista de neon » : un fabricante de rótulos luminosos teima en modificar o mal gusto dos seus clientes, cuns resultados desastrosos. Un vampiro pode ser o empregado idóneo dunha fábrica de ataúdes, tal e como se nos conta no relato » O caso do estraño empregado » Spíderman ou o home-lobo poden ser postos en situacións límite, véndose na obriga de recorrer ás ofertas dos anuncios por palabras. Isto é o que se narra en » Ser superheroe non é doado » e » Noites de lúa chea » . » O libro das infinitas historias » , o conto que cerra o volume, relata a incesante procura dunha libreira, dona dunha casa de compra-venda, que vai tras dun libro de máxicas propiedades.